Monday 06 de May de 2024

Ciclo do “Día da Patria Galega” no concello de Fene


Cun concerto da Xabier Díaz&Adufeiras do Salitre comezará o vindeiro venres, 8 de xullo, o Ciclo “Día da Patria Galega” no Concello de Fene. O programa, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino, inclúe este ano música, maxia e unha nova edición da Festa da Veciñanza (Xornada de Convivencia Interxeracional). As actividades desenvolveranse dende o 8 ao 14 de xullo na Praza do Concello de Fene con entrada libre e baixo carpa, agás a lectura da Declaración Institucional que se fará, como é habitual, a carón do monumento “Día da Patria Galega”, no parque liñal do Río Cádavo.

A programación musical deste novo Ciclo do “día da Patria Galega” de Fene inclúe actuacións de dous dos grupos premiados (Xabier Díaz&Adufeiras e Orquestra Os Modernos) e un dos finalistas (Sisters in the house) na última edición dos premios Martín Códax da Música, certame que distingue aos mellores músicos e entidades nunha vintena de categorías. Na gala celebrada no pasado mes de abril no Pazo de Pontevedra, Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre recibiron o premio Martín Códax na categoría de “Música Tradicional Galega” e Os Modernos na de “Orquestra, grupo e música de verbena”.

Humildes e poderosas a un tempo…Pandeiretas e adufes son perfectos aliados da copla, “gala do xardín encantado da lírica galega” como dixo o poeta Ramón Cabanillas. Así se presenta o novo traballo de Xabier Díaz (Berrogüeto, Nova galega de Danza, ACadaCanto) e as Adufeitas de Salitre, grupo de percusionistas e cantoras de música popular, que se presentará o vindeiro venres, 8 de xullo, ás 22 horas na Praza do Concello de Fene. O espectáculo, no que tamén participan Gutier Álvarez (zanfona e violín) e Javier Álvarez (acordeón diatónico), chámase “The Tambourine Man”, e con él Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre pretenden “invadir con muiñeiras e pasodrobres os festivais do mundo”.

O luns 11 de xullo, a partir das 22:00 h no mesmo escenario da Praza do Concello, actuará o mago Kiko Pastur co espectáculo “O mago e o ilusionista”. Kiko e Román García Pastur son dous magos con ampla traxectoria no panorama galego desde hai 20 anos. Contan con premios nacionais e internacionais de ilusionismo, e fixeron grandes espectáculos en colaboración cos magos máis importantes do mundo. Tamén teñen actuado en televisión (TVE, Antena 3, Cuatro, TVG, etc.) amais de editaren libros e de crearen artiluxios da sua propia invención que hoxe en día se venden en tendas especializadas de todo o mundo. Tamén son coñecidos como directores artísticos, productores e promotores de diversos shows escénicos no arte do ilusionismo.

O programa do Ciclo do Día da Patria Galega en Fene continuará o martes, 12 de xullo, a partir das 20:30 horas co Certame de Habaneiras e Canto Coral no que actuarán as Rondallas Estrelecer e Perla do Río e as corais de Agarimo, San Valentín, Eterna Xuventude e O Pote de Maniños. Tamén actuará o TradiCoro e pechará o concerto o coro Sisters in the house, formación galega que conta no seu repertorio con temas tan populares como “ain’t no mountainhigh” ou “what ́s goingon” de Marvin Gaye, “crazy in love” de Beyoncé e “pastimeparadise” ou “as” de StevieWonder. Tamén lembra a Michael Jackson con “thriller”, a Aretha Franklin con “respect”, e mesmo aos lexendarios Beatles con “drive my car”, sen esquecer o “satisfaction” dos Rolling Stones.

O mércores 13 de xullo celebrarase a Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeracional que incorpora este ano, como principal novidade e para mellorar a organización da actividade, o cobro dunha cota simbólica de 3 euros por ración (empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga) na churrascada que comezará ás 20.00 horas na Praza do Concello.

As persoas que desexen asisitir á churrascada da Festa da Veciñanza poderán mercar os seus tickets antes do vindeiro 7 de xullo nas sociedades CPS de San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de Magalofes ou SCRD Agarimo de Sillobre. O mesmo día 13, na Praza do Concello, só se poñerán á venda un máximo de 100 tickets.

Ao remate desta churrascada, que organiza unha entidade veciñal coa colaboración do Concello e do movemento asociativo de Fene, comezará o espectáculo e baile coa orquestra Os Modernos.

“Como consecuencia da súa constante ansia por renovarse e a experiencia a través de tantas xiras por Europa e América do Sur e do Norte, a Orquestra “Os Modernos” ofrece un repertorio renovado de bailes como manda a última moda: foxtrot, baião, chotis, habanera ou tango americano, corrido, rumba, mazurca e mesmo un avant-garde twist, sen esquecer tampouco eses ritmos máis arcaicos e propios do folklore galego como a muiñeira ou a jota.”
“Os Modernos” son: Manolo Guldrís (bombo-chis), Xosé Tuñas (caixa), Carlos Osorio (gaita-de-fol), Joám Casas (clarinete), Lois Mouriño (saxo), Alonso Caxade (bombardino) e Iria Piñeiro (voz) como Rosalie de Choix.
O xoves 14 de xullo pecharase o programa do Ciclo do Día da Patria Galega coa lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no Parque Liñal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”. No acto, que comezará ás 20.00 horas, intervirá a psicóloga, experta en igualdade e mestra do Ceip Centieiras de Perlío-Fene Paloma Rodríguez Vázquez, autora da declaración institucional do Día da Patria Galega 2016 no Concello de Fene. Autora de diversas publicacións infantís, de ficción e sobre temática de igualdade, Paloma Rodríguez foi directora do Centro de Información á Muller, do Instituto da Muller, xefa de Sección do Servizo Galego de Igualdade e deputada no Congreso.